"Paréceme moi ben que os meus 'amigos' de Facebook presuman aquí das súas luxuriantes querencias electorais e dos éxitos para os que se preparan. Pero non soporto a petulante estulticia das alegacións contra a abstención. Os que a idades provectas non se deron conta de para que serven as eleccións e do que significan os seus sacrificados líderes carismáticos -que capacidade para combinar a estupidez e o baleiro-, os seus puídos partidos e os seus reconfortantes programas polo menos deberían ter a prudencia de non molestar, por cortesía, ás xentes que, coa súa pobre cabeza, non queren nin deuses nin amos, nin pastores nin rabaños. Tiña que dicilo". Carlos Taibo
Na nosa continuación da campaña pola abstención e contra a mentira eleitoral, colamos hoxe dois artigos que se corresponden con os titulares desta noticia: Por que as anarquistas "non votamos"? está copiado da web "ApoyoMutuo" e Apostasía Eleitoralo recollemos do Portal Libertário Oaca, que ainda que foi publicado en 2011, segue totalmente en vigor:
Por que as anarquistas "non votamos"?
Fannos esta pregunta unha vez máis. Cada convocatoria electoral, e principalmente dende "as esquerdas", poñéndose a venda antes de facerse a ferida, culpan o abstencionismo da hexemonía da dereita na farsa electoral. (NotadeAbordaxe: mesmo en supostos sites de humor nacionalistas fan chistes sen graza algunha caindo neses típicos tópicos de que a culpa de que gañe o PP é nosa)
É unha pregunta que non ten unha resposta simple. En primeiro lugar e fronte ao que a algunhas, e non precisamente anarquistas, lles gustaría, o anarquismo non é un dogma, nunca se formulou que tiña a verdade revelada nas súas mans, en consecuencia operou sempre, á vez que no social e o cotián, nun labor de crítica e reflexión permanente. Preguntar por que non votamos é equivalente a preguntar como concibe o anarquismo a intervención política? Considera o anarquismo que hai un nivel político no que se debe actuar? As eleccións non son parte substancial de toda práctica política? Nengunha anarquista vota nunca?
Entendemos que, mentres o pobo alimente, manteña e enriqueza aos grupos privilexiados da poboación mediante o seu traballo, incapacitado para o auto-goberno por verse forzado a traballar para outros e non para si, estará invariablemente rexido e dominado polas clases explotadoras. Isto non pode remedialo nin sequera a constitución máis democrática, porque o feito económico é máis forte que os dereitos políticos, que carecen de significado sen igualdade económica.
Falar de eleccións é aludir só a unha parte dunha estrutura de poder que é bastante máis ampla. Na actualidade, cando o aparato ideolóxico do sistema (administracións, poder xudicial, medios de comunicación...) fai a guerra aberta ao solidario, a todo o que poida xerar culturas de cooperación e apoio mutuo, ao tempo que alimenta a fragmentación, a atomización, o que cada quen vaia ao seu, non resulta sinxelo formular algunhas cousas.
Dentro das reflexións -que xa moitas se fan- está o papel que xogan as eleccións nun sistema como o presente: Ten isto algo que ver cunha democracia auténtica? Consideramos que é cando menos inxenuo, pretender poñer patas arriba os mecanismos do sistema, empregando para iso as súas ferramentas de lexitimación (eleccións): todo o xogo electoral cumpre fins tendentes á lexitimación do sistema.
Mentres o sufraxio universal se exerza nunha sociedade onde a maioría da poboación está economicamente dominada por unha minoría que controla de modo exclusivo e excluínte a propiedade e o capital; por libre que poida parecer o pobo dende o punto de vista político (liberdade política que, moitas xa o comprobaron, redúcese a poder elixir a papeleta que metes no sobre, ollo con ir máis alá), esas eleccións só poden ser ilusorias e antidemocráticas nos seus resultados, que invariablemente se revelan absolutamente opostos ás necesidades e á verdadeira vontade da poboación.
Baixo o capitalismo, a burguesía está mellor equipada que os traballadores para facer uso da democracia parlamentaria. É certo que as clases dominantes saben mellor que o pobo o que queren e o que deben ter: o propósito que perseguen non é novo nin inmensamente vasto nos seus fins, como acontece co noso. Ao contrario, é un propósito coñecido e completamente determinado: a preservación do seu dominio político e económico.
A falsidade do sistema representativo descansa sobre a ficción de que o Goberno ou e as Cortes ou Parlamento xurdidos de eleccións deben representar a vontade do pobo, ou polo menos de que poden facelo. O pobo quere instintiva e necesariamente dous cousas: a maior prosperidade material posible dadas as circunstancias, e a maior liberdade para as súas vidas, liberdade de movemento e liberdade de acción.
Como pode controlar o pobo os actos políticos dos seus representantes? Non é evidente que o control exercido en aparencia polas electoras sobre os seus representantes é, en realidade, unha pura ficción?
Abismo entre os que gobernan e as que son gobernadas: as finalidades dos que gobernan -dos que elaboran as leis do país e exercitan o poder executivo- opóñense diametralmente ás aspiracións populares debido á posición excepcional dos gobernantes e da clase política en xeral: sexan cuales foren os seus sentimentos e intencións democráticas, só poden considerar esta sociedade dende a elevada posición na cal se encontran. A posesión do poder induce a un cambio de perspectiva. Tal foi a eterna historia do poder político dende o momento mesmo de establecerse neste mundo. Isto explica tamén por que e como homes demócratas e rebeldes da variedade máis vermella, fixéronse extremadamente conservadores cando chegaron ao poder. Polo xeral, estes retrocesos adoitan atribuírse á traizón. Pero é unha idea errónea; se é o caso, a causa dominante é o cambio de posición e perspectiva.
Posto que o Estado político non ten outra misión que a de protexer a explotación do traballo por parte das clases economicamente privilexiadas, o poder dos Estados só está destinado a opoñerse á liberdade do pobo. Quen di Estado di dominación, e toda dominación supón a existencia de masas dominadas. Por conseguinte, o Estado non pode ter confianza na acción espontánea e no movemento libre das masas, cuxos intereses máis queridos militan contra a súa existencia. É o seu inimigo natural, o seu invariable opresor, e aínda que ten bo coidado de non o confesar abertamente, tende a actuar sempre nesta dirección. Por democrático que poida ser na súa forma, ningún Estado pode proporcionar ao pobo o que necesita, é dicir, a libre organización dos seus propios intereses de abaixo arriba, sen interferencia, tutela ou violencia dos estratos superiores. Porque todo Estado, ata o máis republicano e democrático é esencialmente unha máquina para gobernar ás masas dende arriba, a través dunha minoría privilexiada, que supostamente coñece os verdadeiros intereses do pobo mellor que o propio pobo.
Deste modo, incapaces de satisfacer as esixencias do pobo ou de suprimir a paixón popular, as clases posuidoras e gobernantes só teñen un medio á súa disposición: a violencia estatal, nunha palabra, o Estado, porque o Estado implica violencia, un goberno baseado sobre unha violencia disfrazada ou, en caso necesario, aberta e sen cerimonias.
A produción capitalista e a especulación financeira lévanse moi ben coa chamada democracia representativa; porque esta forma moderna do Estado, baseada sobre unha suposta vontade e soberanía popular, supostamente expresada polos representantes nos parlamentos, unifica en si as dúas condicións necesarias para a prosperidade da economía capitalista: sometemento efectivo do pobo á minoría que teoricamente lle representa e identificación cos valores "sociais".
As anarquistas votamos en moitos lugares e instancias: sindicatos, cooperativas, centros sociais e populares, asembleas. O problema non é o voto nin a democracia. A cuestión é a que mecanismo pertence tal voto e de que democracia falamos.
Nestas circunstancias, cando a agresión ideolóxica do sistema é alta, cando os medios de comunicación son a única fábrica de opinión, cando coordinarse e mobilizarse é criminalizado e reprimido, cando a miseria das poboacións crece... hai unha busca -na que está moita xente- de ferramentas que permitan a loita. Nesa busca queremos estar. Non é tanto o votar ou non votar, senón que facemos entre convocatoria e convocatoria electoral e en que condicións nos "enfrontamos" a estas.
..........................
Apostasía Eleitoral
Nestes días, todxs estamos a recibir varias cartas por parte dos partidos políticos á caza e captura do noso voto vendéndonos a moto coas súas bondades. E se nos dedicamos todxs de xeito masivo a devolverlles a súa propaganda electoral (enchida de mentiras)???
Digámoslles de xeito activo que NON NOS REPRESENTAN!!!
O que case ninguén sabe, nin moito menos fai, é que existe a posibilidade de rexeitar estas cartas e devolvérllelas aos propios partidos.
É moi sinxelo, unha vez recibamos a carta na nosa caixa de correo, simplemente temos que poñer:
- Na parte de adiante poñer no lugar onde vai escrita a nosa dirección (anverso) a palabra DEVOLTO ben grande.
- Na parte de atrás (non vén incluído nestas cartas), escribir a man o motivo de devolución: REXEITADA
Depositamos a carta sen selar nunha caixa de correo ou oficina de correos e... xa está, a carta volverá á sede do partido político que a enviou.
Verificouse o método con Correos, os que confirmaron que este é o procedemento.
Recordade unha cousa: os custos do rexeitamento páganos os partidos.
PÁSAO!!!
Bombardeémolos coas súas propias armas!!
SAÚDE E ABSTENCION ACTIVA!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario